As seis da mañá cando número dous
esperta. Está descolocado. Quedara durmido no coche, non sabe onde está. Esperto
eu cun vulto no pescozo, baixo a orella esquerda. Un ganglio. Doe e esténdese
orella arriba mandíbula abaixo. Carraspeira. Dóeme a gorxa, xusto hoxe que teño
que presentar o libro. O libro, ese que temos a medio terminar, que nos faltan
copias e montaxe e só unha mañá por diante. Por sorte a acupuntura funciona, os
nenos xogan ben entretidos e nós poñémonos en marcha. Decidimos, por rapidez e
comodidade, fotocopialo. Uns 700 folios para dobrar un a un, que xa chegan
pasando o mediodía. Alí tod@s dobramos e dános a hora de comer e aínda falta e
menos mal que Anna ten unha grampadora eléctrica e, in extremis, grampan copias
e portadas mentres eu escribo a man os títulos, o nome da pintura, o número de
exemplar. Non nos dá tempo de acabar pero saímos cos libros que temos. Quedaramos
nun parque, onde é máis fácil que estean os nenos entretidos. Levamos unha
mesiña para poñer mel e pan galego, degustación de Mel e Punto. E alí nos
plantamos, á sombra. Anna fixera un cartel e pegárao polo barrio. E alí, en
Barcelona, coñecín por fin a dúas mulleres das grandes, desas ás que hai que
seguir de preto, para aprender e admirar. Coñecín en carne a Anahi e a Imma,
matrona, que viña directa de atender un parto que se iniciara xusto esa mañá.
Nin parara a comer. Grazas a ambas por vir e por ese anaco de charla sobre
libros e maternidades. Quédanme tan curtas as palabras que aínda hoxe me parece soño.
O tempo voou e xa é hora de marchar, tócanos viaxar a Zaragoza. Antes
terminamos de grampar os poemarios, recollemos, despedímonos e ó saír de
Barcelona pasamos pola Sagrada Familia. Que non se diga, fago foto en marcha.
Das cidades só me gusta a pedra. Edificios, asfalto e coches. Todas son iguais
para min.
Chegamos a Zaragoza de novo cos nenos
durmidos. De novo amañámonos cun sofá cama ó lado dun colchón. Comezo a
descolocarme, tantos quilómetros, tan poucas horas e tantos cambios. É unha parada
breve, durmir, almorzar, marchar, e outra vez outra quedada noutro parque.
Xusto a chuvia comeza a caer con forza cando temos que despedirnos. Saímos ó
mediodía, comemos no coche co tempo xusto para chegar a Madrid, onde tamén
temos presentación do poemario e degustación de mel Mel e Punto. Durmo no coche
incontrolablemente.(continuará)
Ningún comentario:
Publicar un comentario